SIRTAKI POLA LIBERDADE. Diana Varela Puñal

Esto no para, suma y sigue: "Sirtaki por la libertad" ahora traducido al gallego por la poeta Diana Varela Puñal. Agradecido.
SIRTAKI POLA LIBERDADE
Ao pobo grego, agora e sempre
Soa a música…
Cara a antiga Hélade a luz torna
para avivar o lume da verba
orixe dos tempos e a vida,
raíz da razón, arco da vella de soños
en voo de pombas, alta torre ou faro
en faíscas de esperanza
sempre.
Que nunca ninguén humille ao home
nunca
e das súas mans só semente ofensas
e vexacións, que nunca
poida o lobo ser lobo para o home
nin apoucar
sequera cos xestos o seu dominio,
que nunca sexa usura a bandeira izada
ao vento deste século que fustriga
ao desamparo e a pobreza,
nunca
do humilde renegue.
Sexa a música a voz de toda orfandade
no mundo
deixade que os sons
cabalguen
cara a luz da aperta,
nunca no abismo da indiferenza,
no silencio da escravitude
habitada polo medo
nunca no sangue e a tortura,
na dor inesgotable do exilio
e os desterros,
nunca máis
nunca
na xenófoba ollada
ou nos mortos asasinados
sepultos
polos séculos dos séculos.
Agora Zorba baila só na rúa
no seu centro de universo único
ergue
lentas e rituais as pernas
pouco a pouco
ergue os brazos,
xira levemente o corpo en onda
ata a orela,
move as mans
en cruz balancean lixeiras
como plumas, un paso cara adiante
cara atrás outro, agora á esquerda
agora á dereita, in crescendo
os sons dos buzukis e a guitarra,
os corpos que se buscan, as mans
que palmean, axítanse e rózanse,
a rúa rosas circulares, pétalas
entrelazados os corpos
que xiran
e xiran tal carrusel,
a un círculo
únese outro, e outro, ata a infinidade
da aperta, dun só corpo trenzado
que danza e danza
inesgotable
que berra na súa extinción: Zorba!
e volta a ser estremecedor canto
nos fillos da Hélade
contra o monstro
das tres cabezas –indolente Europa-
camiño cara a vitoria
definitiva en Salamina,
pola liberdade.
Tradución ao galego de Diana Varela Puñal